Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños
Obter Adobe Flash player
Precízase ter javascript activado e Adobe Flash Player instalado, para visualizar correctamente esta páxina.
Lidera Bergantiños

Procedemento das axudas

  • PRAZO MÁXIMO DE 9 MESES

  • SOLICITUDE DE AXUDAS Presentarase a solicitude de axuda en modelo normalizado, por triplicado e acompañada da documentación necesaria nas oficinas da sede da Asociación, onde se lle dará rexistro de entrada.
  • ACTA DE NON INICIO No prazo dos 10 días seguintes ao do rexistro da solicitude, o GDR realizará unha inspección in situ, para verificar o non inicio dos gastos ou investimentos para os que se solicita a axuda, levantando acta ao efecto
  • ANÁLISE DA SOLICITUDE E DOCUMENTACIÓN
  • DOCUMENTACIÓN OU SOLICITUDE CON ERROS No suposto de defectos na solicitude ou na documentación, o GDR requirirá ao interesado para que no prazo de 10 días corrixa a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que se así non o fixer, teráselle por desistido da súa petición. Este prazo poderá ser ampliado, prudencialmente, ata 5 días, por petición do interesado ou iniciativa do GDR, cando a presentación de tales documentos presente dificultades especiais.
  • SOLICITUDE E DOCUMENTACIÓN CORRECTA
  • EMISIÓN INFORME CONTROL DE ELIXIBILIDADE (ICE) Compételle ao equipo técnico do GDR emitir o ICE, que expresa o resultado da avaliación e baremación do proxecto. O prazo para a emisión do informe é dun mes dende que o expediente está completo.
  • INFORME FAVORABLE No caso de que a avaliación sexa positiva e se supere a puntuación mínima exisida o GDR remitirá informe favorable a Agader.
  • VERIFICACION AGADER Compételle a Agader realizar a verificación do ICE, ao abeiro do PDR, do programa de desenvolvemento rural que aplica o GDR, do réxime de axudas, da normativa reguladora do Feader, da normativa sectorial que resulte de aplicación ao proxecto e dos principios de complementariedade e coherencia coas políticas que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • CARENCIAS DE DOCUMENTACIÓN No suposto de carencias ou defectos na documentación que integra o expediente, Agader solicitará do GDR documentación complementaria.
  • DOCUMENTACIÓN EN GDR
  • DOCUMENTACIÓN FÓRA DO GDR Se a documentación non está en poder do GDR, este requiriralla ao promotor.
  • SOLICITUDE AO PROMOTOR O promotor dispón dun prazo de 10 días hábiles para presentala. Este prazo poderá ser ampliado, prudencialmente, ata 5 días, a petición do interesado ou a iniciativa de Agader, cando a presentación de tales documentos presente dificultades especiais.
  • EXPEDIENTE COMPLETO O prazo para verificar o ICE será de 2 meses a contar desde a data de entrada do expediente no rexistro xeral de Agader ou, desde a data de rexistro da documentación complementaria, para os casos de documentación incompleta inicialmente.
  • VERIFICACIÓN FAVORABLE
  • VERIFICACIÓN DESFAVORABLE
  • ELEVACIÓN Á XUNTA DIRECTIVA A Xunta Directiva, no prazo máximo de 45 días a contar desde a recepción da verificación do ICE, efectuará a proposta de resolución, de xeito motivado, respecto dos expedientes.
  • PROPOSTA DE CONCESIÓN
  • PROPOSTA DE DENEGACIÓN
  • RESOLUCIÓN AGADER O director xeral de Agader resolverá sobre a concesión ou denegación da axuda, nos termos contidos na proposta de resolución efectuada pola Xunta Directiva do GDR, no prazo máximo de 10 días a contar desde a data de rexistro en Agader da proposta efectuada pola Xunta Directiva.
  • RESOLUCIÓN DE CONCESIÓN A resolución de concesión expresará:
    - A identificación do proxecto para o que se concede a axuda.
    - O orzamento aceptado, desagregado por partidas.
    - A porcentaxe e importe de axuda pública, desagregado por fontes financeiras.
    - Prazo máximo de execución e xustificación dos gastos e investimentos, que non excederá de 18 meses.
    - A posibilidade de concesión de prórrogas.
    - As condicións específicas de execución e xustificación.
    - A compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.
    - Prazos e modos de xustificación da subvención, posibilidade de pagamentos anticipados, pagamentos parciais, así como o réxime de garantías.
    - Compromisos asumidos polo beneficiario.
    - Réxime de recursos.
  • RESOLUCIÓN DE DENEGACIÓN A resolución de denegación expresará:
    - A identificación do proxecto para o que se denega a axuda.
    - Causas de denegación e motivación.
    - Réxime de recursos.
  • NOTIFICACIÓN AO INTERESADO A resolución notificarase ao interesado no prazo máximo de 5 días a contar desde a data en que esta foi ditada, mediante carta certificada con comprobante de recepción. Así mesmo, notificarase ao GDR.
  • ACEPTACIÓN EXPRESA No prazo dos 15 días seguintes á recepción da notificación da resolución de concesión, o beneficiario deberá aceptala expresamente (utilizando o modelo normalizado de aceptación da axuda) e remitir a citada aceptación ao GDR.
  • XUSTIFICACIÓN DOCUMENTAL DE GASTOS O beneficiario das axudas deberá presentar a xustificación documental dos gastos ou investimentos vinculados á actividade subvencionada dentro do prazo máximo de 18 meses con posibilidade de concesión de prórrogas. Os gastos a ter en conta para os efectos da xustificación de investimentos serán os efectivamente pagados polos beneficiarios das axudas a favor dos seus provedores antes do remate do prazo de execución e xustificación dos investimentos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado. No suposto de discrepancias entre Agader e o promotor respecto do valor de mercado dos gastos subvencionables, aplicarase o procedemento previsto no artigo 33 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Agader poderá aceptar variacións nas diversas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que o incremento non supere o 20% en cada capítulo e que no seu conxunto non varíe o importe total do gasto aprobado e non desvirtúe as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.
  • RESOLUCIÓN DO PAGAMENTO O pagamento efectuarase na conta bancaria a tal efecto designada polo beneficiario. Poderán realizarse pagamentos parciais cando a contía do gasto xustificado en cada pagamento parcial supere o 25% do investimento aprobado e non excederá, en ningún caso, a anualidade prevista en cada exercicio nin superará o 80% do total da subvención concedida. Non se concederán pagamentos parciais cando o orzamento aceptado sexa inferior a 30.000 €.
  • CONTROIS POSTERIORES Efectuaranse controis administrativos respecto de todas as solicitudes de axuda e solicitudes de pagamento, así como controis sobre o terreo e controis a posteriori nos termos previstos na normativa comunitaria no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, e no Plan galego de Controis Feader, que está a disposición dos interesados na páxina web de Agader.
  • INFORME DESFAVORABLE No caso de que a avaliación sexa negativa ou non se supere a puntuación mínima emitirase informe desfavorable.
  • ELEVACIÓN Á XUNTA DIRECTIVA Corresponde á Xunta Directiva da Asociación dictar proposta de resolución.
  • PROPOSTA DE DENEGACIÓN A Xunta Directiva acorda proposta de Denegación que se remitirá a Agader para a Resolución definitiva.
  • PROPOSTA DE SELECCIÓN A Xunta Directiva acorda, de xeito motivado, separarse do informe técnico e pronunciarse favorablemente sobre a selección do proxecto, este someterase novamente á avaliación e baremación polo equipo técnico do GDR e continuará a súa tramitación nos termos previstos anteriormente.
Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños visítanos en facebook | © by Abertal

Lg. A Camposa s/n, Buño - 15111 Malpica de Bergantiños
Telf: 981 707 377 - Fax: 981 711 352 - E-mail: info@adbergantinos.org