Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños
Obter Adobe Flash player
Precízase ter javascript activado e Adobe Flash Player instalado, para visualizar correctamente esta páxina.
Lidera Bergantiños

LEADER Programa 2007-2013

Que é o LEADER?

O LEADER é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013 que se executa baixo metodoloxía LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural). Esta metodoloxía vén sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.

En Galicia, nos períodos 1991-1994, 1994-1999 e 2000-2006, ademais de aplicarse os programas das propias Iniciativas Comunitarias LEADER (LEADER, LEADER II e LEADER +), leváronse a cabo outros programas coa mesma metodoloxía que, por ter distintas fontes de financiamento, levaron distintos nomes, como PRODER, PRODER II ou AGADER, de xeito que no período 2000-2006 estivo cuberto todo o territorio rural galego con estes programas.

METODOLOXIA LEADER

O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “procesos de abaixo cara a arriba”. A estratexia ou programa de desenvolvemento defínese no ámbito local ou comarcal e as decisións, liñas que se propoñen, proxectos que se financian..., son tomadas nese mesmo ámbito por unións (partenariados) de axentes públicos e privados, os chamados Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Implica unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só o sector primario, como no resto de dimensións sociais: equipamentos, servizos e dotacións públicas, patrimonio cultural, medioambiente, relacións sociais....

Incorpórase a innovación como un elemento relevante, non entendida unicamente como elemento tecnolóxico, senón como novos xeitos de enfrontar os procesos no territorio, a solución de problemas, a participación e implicación da poboación, a satisfacción das necesidades... Un último elemento definitorio da metodoloxía LEADER é o traballo en rede e a cooperación entre territorios xa que a aposta por un medio rural vivo pasa por establecer alianzas entre os distintos territorios rurais

Como funcionan os GDR?

O Grupo de Desenvolvemento Rural elabora unha estratexia de desenvolvemento comarcal. Nela inclúense cales son as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do seu territorio do punto de vista produtivo, económico, dotacional, social etc. Esta estratexia preséntase á convocatoria do programa para o período 2007-2013 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente público xestor do programa LEADER en Galicia.

O grupo conta cunha estrutura técnica que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción para aplicar a estratexia deseñada para ese territorio co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro do programa. É o propio GDR quen se encarga de analizar e valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda, partindo duns criterios predefinidos. A decisión trasládase a AGADER que, logo de revisar que a atribución do GDR se axusta á normativa, resolve a concesión da axuda.

Listaxe de descargas

Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños visítanos en facebook | © by Abertal

Lg. A Camposa s/n, Buño - 15111 Malpica de Bergantiños
Telf: 981 707 377 - Fax: 981 711 352 - E-mail: info@adbergantinos.org